Friday 03 de May de 2024

O PP de Culleredo esixe ao alcalde Rioboo que presente presupostos inmediatamente ou que dimita


∙ Os populares consideran que o alcalde renunciou de facto a presentar novos orzamentos, porque “non hai a máis mínima vontade de negociar nada”.

O pleno ordinario de marzo, que finalmente se celebrou o 4 de abril, constatou a realidade que vive Culleredo; a falta de proxecto político, de ideas e de vontade de traballo por parte do Goberno Municipal.
A líder do Partido Popular, Izaskun García pediulle ao alcalde en repetidas ocasións que deixase de poñer “parches a uns orzamentos prorrogados” como pretendía facer no Pleno.
“A falta de investimentos, de obra nova, de mantemento, de subvencións para clubs e asociacións, a falta de pagamento de facturas a empresas… todo iso está paralizado por non ter orzamentos actualizados. E non porque o PP vote en contra diso, a mentira máis recorrente do alcalde”, puntualiza García.

No Pleno tamén quedou de manifesto a falta de proxecto político e de ideas do equipo de José Ramón Rioboo. “Está a impulsarse a acción de goberno desde a oposición. O alcalde limítase a poñer escusas ou directamente mentir asegurando que xa “están a traballar en iso” ou que “están a ultimar informes”, cando a realidade é que van pasando os meses e non presentan nada, non se avanza en nada”, recalca García.

Respecto a isto último, os populares queren destacar “a caradura do alcalde” ao afirmar que as prazas de aparcamento prometidas en febreiro, en efecto son “ocorrencias súas”, que non existe expediente nin proxecto algún que asegure que se farán realidade. “É tal o nivel de pasotismo e de neglixencia deste alcalde que ata ri na cara dos veciños con manifestacións deste tipo”, aseguran os populares.

Desde o Grupo Popular insisten en esixir ao alcalde José Ramón Rioboo que “deixe de publicar proxectos ficticios en prensa, de calumniar a concelleiros do PP en redes, e que se poña a traballar. Ou mellor, que lle faga un favor a Culleredo e aos seus veciños e que dimita!”.